18/08/2013

Diego Blanco López acada o IV certame de banda deseñada sobre teatro


Diego Blanco López (Viveiro, 1981) acada o IV Certame de Banda Deseñada sobre Teatro convocado pola A.C. Entre Bambalinas, editora da Revista Galega de Teatro. O xurado, composto pola deseñadora gráfica Violeta Fernández, o escenógrafo e artista plástico Diego Valeiras e a dramaturga Vanesa Sotelo, declarou como gañador o traballo presentado baixo o lema “Esta é unha mensaxe do futuro, preste atención”, cuxo autor resultou ser Diego Blanco López.
O xurado destacou “a calidade artística da proposta, así como a capacidade de concreción e de síntese da historia”. De igual xeito, o xurado puxo de manifesto “a boa integración do texto e a perfecta identificación dos personaxes nunha proposta ben estruturada que potencia a visualidade do terceiro capítulo da obra 2132, de Roberto Vidal Bolaño”.

Na súa cuarta edición, o concurso –transformado en bienal por falta de apoios- solicitaba unha adaptación para banda deseñada cunha extensión máxima dunha páxina do terceiro capítulo da peza2132,  de Roberto Vidal Bolaño -editada no nº8 da Revista Galega de Teatro. Unha vez escollido como gañador, Blanco López, deberá realizar a adaptación completa do texto -12 páxinas e portada-. O premio consiste nunha cantidade en metálico de 600 euros e a edición da peza.
Este cuarto número, continúa a colección de banda deseñada sobre teatro galego da A.C. Entre Bambalinas e que conta coas obras:

-Historia do teatro galego, con deseños de Hugo Santos e texto de Pedro P. Riobó.

-Doentes, de Brais Rodríguez Verde a partir do texto homónimo de Roberto Vidal Bolaño.

-Hámster, de Diego Campos a partir do texto homónimo de Santiago Cortegoso.

-Belicosario, de JuanMolina a partir do texto homónimo de Manuel Lourenzo.


A organización do certame agradece a homenaxe ao dramaturgo Roberto Vidal Bolaño que desde a banda deseñada brindaron as obras presentadas a concurso neste ano no que se lle dedican as Letras Galegas.