17/12/2013

Roberto Vidal Bolaño en Banda Deseñada


A RGT PRESENTA EN CANGAS 2132,  ILUSTRADA POR DIEGO BLANCO
O traballo é o resultado do IV Certame de Banda Deseñada sobre Teatro Galego

portada 2132


A Revista Galega de Teatro presenta o venres 20 de decembro ás 20.30 horas en A Taberna O Rincón de Cangas a banda deseñada 2132, ilustrada por Diego Blanco López a partir do texto homónimo de Roberto Vidal Bolaño.
O traballo é o resultado do IV Certame de Banda Deseñada sobre o Teatro Galego. Diego Blanco (Viveiro, 1981) foi o gañador do concurso que nas súas bases establecía presentar nunha única páxina a súa visión sobre o terceiro capítulo do citado texto teatral (editado no número 8 da Revista Galega de Teatro).
Ademais da presentación dos exemplares, a presentación irá acompañada por unha exposición do traballo que permanecerá até o día 2 de xaneiro en O Rincón.

A colección de banda deseñada sobre teatro galego conta neste momento con catro traballos:
-Doentes, de Brais Rodríguez, a partir da peza homónima de Roberto Vidal Bolaño (2009).
-Hámster, de Diego Campos, a partir da peza homónima de Santiago Cortegoso (2010).
-Belicosario, de Juan Molina, a partir da peza homónima de Manuel Lourenzo (2011).
-2132, de Diego Blanco, a partir da peza homónima de Roberto Vidal Bolaño (2013).

02/12/2013

A RGT no CULTURGAL 2013

A RGT presentou un avance dos seus contidos no stand mudable do Culturgal.


Moitas grazas a Clara Gayo, Santiago Cortegoso, Antón Coucheiro, Vanesa Sotelo, Pedro Pablo Riobó e Fran Godón por acompañar a presentación coa lectura das micropezas de teatro coas que colaboran neste último número que estará na rúa a mediados de decembro.


Moitas grazas tamén a todas as persoas que cos seus traballos fan posible a revista!

12/11/2013

ENCONTRO COA DRAMATURGA CLARA GAYO NA BIBLIOTECA DE CANGAS


CITA COA DRAMATURXIA CONTEMPORÁNEA



A cita terá lugar este xoves 14 de novembroás 20.00 horas


O xoves 14 de novembro ás 20.00 horas terá lugar na Biblioteca Central de Cangas do Morrazo un encontro coa dramaturga Clara Gayo (Vigo, 1971) dentro do proxecto “Difusión da dramaturxia contemporánea”, que desde o ano pasado leva impulsando a Revista Galega de Teatro.
A cita ofrece a oportunidade de achegarse á obra de Clara Gayo así como a posibilidade de descubrir a súa concepción da escrita e os seus procesos creativos de traballos como Prohibido sufrir; Agorafobia. Parálise sobre o medo; Razóns de peso; Movidas ou A mirada de Pier.
O acto conta coa colaboración do Concello de Cangas e está enmarcado dentro do Plan Cultural da Deputación de Pontevedra.



Clara Gayo (esquerda) nunhaimaxe promocional da obra Queda terminantemente prohibido sufrir nas paredesxunto con Rocío González e Rula Blanco.

28/10/2013

Moitas grazas a Fernando Epelde polo seu texto "Caixa negra" editado na RGT74



 Moitas grazas a Eva Gontad, Santiago G. Telmo, Mundo Sánchez, María Costas, Borja Fernández e ao propio Epelde pola lectura dramatizada que onte nos ofreceron o 25 de outubro no Liceo Mutante de Pontevedra. Grazas tamén ao Liceo Mutante polo espazo.

Santiago G. Telmo, Fernando Epelde e Eva Gontad.

25/10/2013

O LICEO MUTANTE DE PONTEVEDRA ACOLLE A PRESENTACIÓN DE CAIXA NEGRA, DE FERNANDO EPELDE



O texto, editado pola RGT 74, abre unha dobre sesión de teatro que se completa coa montaxe JULIETAvirtual




O venres 25 de outubro terá lugar a presentación do texto de teatro radiofónico Caixa negra, de Fernando Epelde a partir das 20.00 horas. O acto contará coa colaboración dos actores Eva Gontad, Santiago G. Telmo, Mundo Sánchez, María Costas, Borja Fernández e o propio Epelde. A presentación abrirá unha dobre sesión teatral que continuará coa montaxe JULIETAvirtual, de Teatro Anómico.
Baseada no caso “A seita do Karate” e cun formato entre a radioficción e a escena, Caixa negra desenvólvese en torno a unha gravadora de audio , a auténtica “caixa negra” á que fai referencia o título. Deste xeito, toda a peza ha de afrontarse seguindo as indicacións que se inmiscen entre as palabras, pulsando as teclas de avance, pausa, parada, avance rápido e rebobinado.

Podes consultar o texto na web da RGT:

18/08/2013

Diego Blanco López acada o IV certame de banda deseñada sobre teatro


Diego Blanco López (Viveiro, 1981) acada o IV Certame de Banda Deseñada sobre Teatro convocado pola A.C. Entre Bambalinas, editora da Revista Galega de Teatro. O xurado, composto pola deseñadora gráfica Violeta Fernández, o escenógrafo e artista plástico Diego Valeiras e a dramaturga Vanesa Sotelo, declarou como gañador o traballo presentado baixo o lema “Esta é unha mensaxe do futuro, preste atención”, cuxo autor resultou ser Diego Blanco López.
O xurado destacou “a calidade artística da proposta, así como a capacidade de concreción e de síntese da historia”. De igual xeito, o xurado puxo de manifesto “a boa integración do texto e a perfecta identificación dos personaxes nunha proposta ben estruturada que potencia a visualidade do terceiro capítulo da obra 2132, de Roberto Vidal Bolaño”.

Na súa cuarta edición, o concurso –transformado en bienal por falta de apoios- solicitaba unha adaptación para banda deseñada cunha extensión máxima dunha páxina do terceiro capítulo da peza2132,  de Roberto Vidal Bolaño -editada no nº8 da Revista Galega de Teatro. Unha vez escollido como gañador, Blanco López, deberá realizar a adaptación completa do texto -12 páxinas e portada-. O premio consiste nunha cantidade en metálico de 600 euros e a edición da peza.
Este cuarto número, continúa a colección de banda deseñada sobre teatro galego da A.C. Entre Bambalinas e que conta coas obras:

-Historia do teatro galego, con deseños de Hugo Santos e texto de Pedro P. Riobó.

-Doentes, de Brais Rodríguez Verde a partir do texto homónimo de Roberto Vidal Bolaño.

-Hámster, de Diego Campos a partir do texto homónimo de Santiago Cortegoso.

-Belicosario, de JuanMolina a partir do texto homónimo de Manuel Lourenzo.


A organización do certame agradece a homenaxe ao dramaturgo Roberto Vidal Bolaño que desde a banda deseñada brindaron as obras presentadas a concurso neste ano no que se lle dedican as Letras Galegas.

31/07/2013

A Revista Galega de Teatro recibe o Premio de Honra Abrente 2013

























A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia e o Concello de Ribadavia concedéronlle o Premio de Honra Abrente ao Mérito nas Artes Escénicas á Revista Galega de Teatro e ao programa “Diario Cultural”, da Radio Galega. O premio recoñece o rigor, a constancia e o papel que estes dous medios especializados xogaron ao longo dos anos no proceso de consolidación profesional e artística das artes escénicas galegas.

O acto de entrega tivo lugar o 21 de xullo no salón de plenos do Concello de Ribadavia e contou coas intervencións do director da RGT, Antón Lamapereira e da directora do Diario Cultural, Ana Romaní. A acta do premio distinguiu estes dous espazos como dous sólidos e constantes proxectos como “un esforzado e completo elemento mediador entre a creación, a investigación e os espectadores”. De igual xeito, a acta recolle que tanto o Diario Cultural dende o ámbito público como a RGT dendea vontade asociativa da agrupación Cultural Entre Bambalinas “simbolizan, nas ondas e sobre o papel, o ideal de compromiso coa curiosidade polo diverso e o desexo por normalizar o sector escénico”.

14/05/2013

A RGT convoca o IV Certame de Banda Deseñada sobre Teatro


Na súa cuarta edición, o concurso toma como base a obra 2132, de Roberto Vidal Bolaño
A Asociación Cultural Entre Bambalinas convoca o IV Certame de Banda Deseñada sobre teatro que este ano estará dedicado ao texto 2132: Exercicio para debuxantes intrépidos de Roberto Vidal Bolaño. Deste xeito, a RGT quere contribuír a homenaxear a figura deste dramaturgo e home de teatro total no ano en que se lle dedican as Letras Galegas.

viñeta de Hámster, de Diego Campos a partir da peza homónima de Santiago Cortegoso -gañador do II Certame de Bd



As persoas interesadas en participar teñen de prazo até o 31 de xullo para presentar a súa adaptación nunha única páxina do CAPÍTULO III da citada obra.
O autor ou autora  do traballo gañador recibirá o encargo de adaptar o texto completo para a edición que a RGT realizará a finais do ano 2013.
Ademais da edición do traballo, o premio conta con unha dotación económica de 600 euros.
O texto, que foi editado no nº8 da RGT  pode ser consultado aquí e tamén na web da revista: revistagalegateatro.com

Viñeta de  Belicosario, de Juan Moliña a partir da peza homónima de Manuel Lourenzo -gañador do III Certame de Bd


Bases.



1) A Asociación Cultural Entre Bambalinas, editora da Revista Galega de Teatro (RGT), convoca este certame co obxectivo de contribuír, por medio da banda deseñada, á divulgación do teatro galego.

2) Neste certame poderán participar todas as persoas físicas ou xurídicas e poderán presentar, cada unha delas, cantas propostas desexen.

3) Para o concurso cada participante deberá adaptar para banda deseñada nunha única páxina o 3º capítulo da peza 2132, Exercicio para debuxantes intrépidos de Roberto Vidal Bolaño, editado pola Revista Galega de Teatro no seu número 8 e que pode consultarse na web: revistagalegateatro.com ou neste blog. Dos traballos recibidos, un xurado escollerá a proposta gañadora para encargarlle a adaptación completa da obra. O traballo final deberá ser entregado o 30 de novembro.

4) O texto do traballo será en lingua galega.

5) A extensión final da banda deseñada será de 12 páxinas (cor ou branco e negro) máis portada en cor. O formato será DIN A-4 (210 mm x 297 mm) en soporte papel ou dixital.

6) Os traballos presentados non poderán levar o nome da autora ou autor de xeito visible. Presentaranse en sobre, sen sinatura nin nome, baixo un título ou lema. No seu interior incluirase outro sobre co mesmo título ou lema, e os datos persoais: nome e apelidos, fotocopia do DNI, enderezo postal, teléfono de contacto e enderezo de correo electrónico.

7) A recepción de traballos rematará o día do nacemento de Roberto Vidal Bolaño: 31 de xullo de 2013, este incluído. Deberán remitirse por correo postal a: Revista Galega de Teatro. Apartado de Correos nº 210. 36940 Cangas do Morrazo (Pontevedra).

8) A organización non se responsabiliza de posibles roturas ou extravíos das obras.

9) O fallo inapelable do xurado será o día 15 de agosto de 2013 a través da web ou do blog.

10) A organización resérvase o dereito de realizar exposicións públicas con todos os orixinais presentados.

11) As propostas non premiadas poderán ser reclamadas ata o 30 de setembro de 2013. Os gastos de devolución correrán por conta dos concursantes. O orixinal premiado e osorixinais non solicitados, pasarán a formar parte do Fondo Teatral María Casares da Biblioteca Pública de Cangas.

12) Establécese un único premio de 600 euros e a edición da obra. O premio en metálico será dividido en dúas entregas: unha primeira entrega de 250 euros no momento de coñecer a decisión do xurado -15 de agosto- e unha segunda entrega de 350 euros no momento da recepción do traballo completo -30 de novembro-.

13) Un xurado cualificado determinará a mellor proposta. O premio poderá ser declarado deserto.

15) A participación neste concurso implica a aceptación de todas as súas bases. A organización poderá introducir, se o cre preciso, as modificacións que estime pertinentes para o bo funcionamento do certame.

Para calquera información sobre o concurso, as persoas interesadas poderán dirixirse ao enderezo:
revistagalegateatro@hotmail.com.