12/12/2012


A Revista Galega de Teatro presenta en Vigo o seu número de outono

O acto contará coa lectura dramatizada de Ritos de sangue, de María Xosé Queizán



A Casa Galega da Cultura acollerá este venres 14 de decembro ás 19.00 horas a presentación do número 72 da Revista Galega de Teatro, correspondente ao número de outono. O acto contará coa lectura dramatizada da obra Ritos de sangue, de María Xosé Queizán e coa presenza da propia autora.
A Revista Galega de Teatro é unha publicación editada pola Asociación Cultural Entre Bambalinas, de carácter trimestral e adicada á difusión das artes escénicas. Xunto coas seccións habituais da revista que van desde a crítica teatral, á crónica de festivais, pasando por entrevistas de actualidade e artigos en profundidade sobre problemáticas do ámbito escénico, a RGT inclúe en cada un dos seus números unha peza teatral. Nesta ocasión, a peza escollida foi Ritos de sangue que será presentada da man da súa propia autora, María Xosé Queizám, acompañada na lectura por Afonso Becerra, Mónica Bar e Ledicia Costas.


Tertulia literaria en Moaña




Paralelamente, no seu obxectivo de promovera a dramaturxia galega contemporánea, a RGT organiza en colaboración coa Lonxa Literaria de Moaña a tertulia co dramaturgo Santiago Cortegoso. O acto terá lugar o 14 de decembro a partir das 21.00 horas na biblioteca de Quintela. O encontro co autor permitirá abordar a peza teatral Casa O’Rei, da que tamén se realizará unha lectura dramatizada de varias escenas..